O 11 de febreiro celebramos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015 para reivindicar o papel das científicas e derrubar obstáculos que as mulleres atopan para acceder ás carreiras STEM, como un dos obxectivos prioritarios dentro dos ODS.
A conmemoración pretende recordar o papel fundamental que teñen as mulleres e as nenas na ciencia para fomentar a súa participación de forma plena e equitativa.
A situación de pandemia na que está inmersa a sociedade actual resalta a importancia da ciencia no noso día a día e familiarízanos con multitude de científicas que traballan no desenvolvemento de vacinas contra a covid-19, así como en múltiples estudos e tratamentos relacionados con esta enfermidade. Unha pequena mostra das mesmas son Isabel Sola, Sonia Villapol, Chen Wei, Sarah Gilbert, Margarita del Val, Lorena Sánchez-Felipe, Montserrat Bárcena, Nuria Oliver…
Pero a realidade é que as mulleres so representan o 30% dos estudantes de carreiras STEM, porcentaxe que cae ao 3% en carreiras relacionadas coas tecnoloxías da información e ao 8% en enxeñerías. Non nos resultan tan comúns nomes como Elena García Armada, Inés Gallego, Rosa Carabaño, Belén Marcos Cortés, Alicia Asín,…
Por medio de diversas dinámicas e actividades, o alumnado de EI, EP e ESO, achégase á ciencia, a referentes femininos e á súa importancia no día a día. Aquí vos deixamos unha pequena mostra desta conmemoración no centro, día no que destaca a curiosidade e gozo do alumnado.
Queredes ver os experimentos que realizaron en 1º e 2º de EP? Accedede ao seguinte enlace e veredes o divertidas e didácticas que foron as prácticas do «Ovo saltarín», «Fluido non newtoniano» ou «Cristalización».
https://www.facebook.com/csagradocorazo/videos/1273482939798395